Friday 10 de May de 2024

O Concello reforza a súa aposta polo audiovisual galego coa III Semana do Cinema Galego, que se celebrará en marzo no Teatro Colón


A cita, que se levará a cabo en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, inclúe na súa programación as longametraxes e documentais finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, participou este martes no acto de presentación da III Semana do Cinema Galego, que acollerá o Teatro Colón entre os vindeiros días 8 e 13 de marzo en virtude da colaboración entre o Concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual. A celebración da Semana do Cinema Galego na Coruña forma parte das accións postas en marcha polo goberno de Inés Rey para facer da cidade a referencia para o sector audiovisual galego.

Borrego, acompañado hoxe pola actriz Carmen Méndez, en representación da Academia Galega do Audiovisual, e polo deputado provincial de Cultura Xurxo Couto, valorou a capacidade de atracción da Semana do Cinema Galego “para que a cidade sexa un fogar e punto de encontro para a industria audiovisual galega”. “Os profesionais do sector atoparán no Concello da Coruña un apoio constante para seguir impulsando o seu talento e traballo”, apuntou Borrego.

O concelleiro recordou, ademais, que A Coruña xa foi, hai máis un século, o berce do fotógrafo e cineasta José Sellier, un pioneiro do cinema galego e español, o primeiro en todo o país en explorar as rodaxes cunha cámara Lumière. “Fíxoo aquí, á beira do Océano Atlántico, na Coruña, deixando títulos como ‘Orzán, oleaje’ e ‘Fábrica de gas’. E agora, a cidade demostra que aquela semente sentou as bases dun legado cinematográfico que está moi vivo”. Neste contexto, cando se cumpren 125 anos daquelas rodaxes de Sellier, o Concello e a Academia Galega Audiovisual impulsarán neste 2022 a entrega do XI Premio José Sellier.

A programación da III Semana Cinema Galego: o foco, no talento do país
A terceira edición da Semana do Cinema Galego contará cunha ampla programación das mellores longametraxes e documentais galegos do último ano. Entre eles, os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022, que concede a Academia Galega do Audiovisual.

Neste sentido, a folla de ruta marcada polo Concello e a Academia Galega do Audiovisual tamén abrangue a organización da gala dos Premios Mestre Mateo, que no seu vixésimo aniversario e coa volta do evento ao formato presencial, chegará á cidade o día 19 de marzo cun novo lugar de celebración: o recinto feiral Expocoruña.